Ir ao contido principal

Os filmes de Márta Mészáros chegan ás salas españolas

O ciclo á directora húngara co que inicia andadura a distribuidora de cinema restaurado LOST & FOUND poderá verse en setembro na Filmoteca de Catalunya, Cineteca Madrid e NUMAX. Máis tarde proxectarase noutras prazas como Tabakalera, a Filmoteca de Valencia ou a de Galicia.

A húngara Márta Mészáros é unha das directoras máis importantes de Europa na segunda metade do século XX. Contemporánea doutras cineastas celebres do seu momento coas que dialoga en temáticas, como a checa Věra Chytilová ou a francesa Agnès Varda, con quen mantiña unha próxima amizade e que a consideraba unha das súas realizadoras preferidas, foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción. En só tres anos, tamén se faría co premio da crítica internacional en Cannes (por Nove meses) e coa Cuncha de Prata de Donostia (por Coma na casa).

A pesares de resultar tan exitosa no seu momento, o seu nome pode que non circulara todo o que esta gran cineasta merece nas últimas décadas. A decisión do National Film Institute de Hungría de restaurar boa parte da súa obra nos últimos anos, unido ao premio á súa carreira que a Academia do Cinema Europeo lle concedeu o ano pasado, lograron poñela de novo no mapa.

LOST & FOUND presenta un total de 12 filmes da directora, todos os que están restaurados ata o momento, en prístinas copias en DCPs 2K e 4K. Quen se achegue por primeira vez ao cinema de Mészáros, descubrirá a visión dunha realizadora sempre comprometida a documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias. Tamén se topará ante un cinema con ecos da Nouvelle Vague francesa, mais no que se intúen ademais as influencias da súa educación no cinema soviético. Facendo gala dunha exultante variedade de recursos cinematográficos, como coidadas e orixinais perspectivas ou precisos e epatantes movementos de cámara; pode que haxa dúas constantes estéticas no seu cinema que destaquen sobre as demais: a inserción do real en estruturas de ficción e o mimo que atesoura polos rostros.

En conversa con Catherine Portuges para o seu libro Screen Memories: The Hungarian Cinema of Márta Mészáros, a autora fala da misión vital que se esixiu: “dejar constancia de forma honesta de la era que me ha tocado vivir”. “deixar constancia de forma honesta da era que me tocou vivir”. E fíxoo sempre, despregando unha rica linguaxe cinematográfica, dende unha perspectiva feminina: “se interpretas os meus filmes de forma estritamente política, ves que trato as relacións de poder de forma moi diferente a como o fan os directores homes”. Os seus filmes son, en efecto, persoais, políticos, honestos, feministas e auténticos.