Reestrea de Touro salvaxe en salas

A partir do 2 de xuño poderá verse en cinemas unha nova copia restaurada en 4K de TOURO SALVAXE, supervisada por Martin Scorsese e Thelma Schoonmaker.
Da man de LOST & FOUND e PARK CIRCUS, o 2 de xuño reestréase nos cinemas españois TOURO SALVAXE nunha nova copia restaurada en 4K, aprobada e supervisada por Martin Scorsese e a súa montadora habitual Thelma Schoonmaker, que gañou un dos seus tres Oscar por esta película.
En TOURO SALVAXE, Robert De Niro uniuse ao director Martin Scorsese para crear unha das obras mestras eternas da historia do cinema. Nomeada a oito Premios Oscar, incluíndo a Mellor Película e Mellor Director, este clásico contemporáneo, cualificado por The New York Times como “ambicioso, violento, poético e lírico”, foi elevado pola crítica americana á mellor película da década a finais dos oitenta. De Niro, que recolleu o galardón a Mellor Actor protagonista (o seu primeiro Oscar foi como secundario en O Padriño II), interpreta con gran forza a Jake LaMotta, un boxeador cuxas complexidades psicolóxicas e sexuais estalan con violencia tanto dentro como fóra do ring. Cathy Moriarty e Joe Pesci acompáñano no memorable elenco do filme.
Baseada no libro do boxeador Jake LaMotta, Raging Bull: My Story, TORO SALVAJE narra a historia biográfica do famoso loitador. Porén, como di a crítica cinematográfica Christina Newland a propósito da reestrea, a fita de Scorsese "vai lonxe do eido do biopic deportivo tradicional para abordar sen filtros o machismo nun entorno marxinal, sen gloria nin ningún afán de glamour. En lugar da historia redentora que cabería esperar da vida dun italoamericano criado nas duras e precarias vivendas do Bronx, infestadas de mafias, a principios do século XX, o director de Taxi Driver constrúe un sorprendente e arriscado filme sobre a masculinidade e a violencia, que non contén ningunha sensación de vitoria ou éxito reais".
TOURO SALVAXE non é calquera película para Scorsese. Tras unha etapa moi autodestrutiva que o puxo na cama do hospital de gravidade por un consumo excesivo de drogas, a historia de LaMotta se lle presentou como unha sorte de mecanismo expiatorio a través da arte. Foi De Niro quen lle recomendou o libro do celebre boxeador e o convenceu. Engadiuse Paul Schrader ao guión e o resultado foi este mítico filme. Alén do persoal, Scorsese decidiu rodala en branco e negro porque viu como os seus primeiros filmes se estaban xa deteriorando e perdendo cor. Nese momento decidiu que debía salvagardar o seu legado, pero tamén o doutros e desta idea naceu The Film Foundation, organización fundada polo mesmo director, dedicada á conservación, a recuperación, a promoción e a exhibición de cinema clásico e restaurado.
Aprobada e supervisada por Martin Scorsese e pola súa montadora habitual Thelma Schoonmaker, gañadora do seu primeiro Oscar por este filme (os outros dous tamén foron por traballos con Scorsese, O aviador e Infiltrados), esta nova copia creouse en resolución 4K a partir do negativo de cámara orixinal de 35 mm. A banda sonora orixinal tamén se remasterizou a partir da pista magnética de 35 mm.