Ir ao contido principal

O clásico da animación Érase una vez... preséntase no festival Il Cinema Ritrovato o 28 de xuño

O certame de Boloña está considerado o máis importante de cinema restaurado no mundo. A fita, primeira produción de Estela Films en 1950 rescatada pola Filmoteca de Catalunya, contará na cita italiana coa introdución de Esteve Riambau (director da filmoteca), Rosa Cardona (conversadora e restauradora) e Luciano Berriuatúa (coengargado da reintrodución da cor).

O festival Il Cinema Ritrovato mostrará en Boloña entre o 24 de xuño e o 2 de xullo ao redor de 400 títulos restaurados, entre os que se atopa Érase una vez... (José Escobar, Alexandre Ciriri i Pellicer, 1950), distribuída por LOST & FOUND. Ademais de polas proxeccións, coa súa famosa Piazza Maggiore como símbolo, a cita italiana é coñecida internacionalmente polas restauracións que fomenta a Cineteca di Bologna, organizadora do evento, e polas actividades de carácter formativo e de difusión que teñen lugar durante o certame. Dentro das mesmas, acollerán a presentación do proceso de restauración de Érase una vez..., levado a cabo pola Filmoteca de Catalunya.

A fita de animación, pioneira en Europa, foi a primeira experiencia da decana entre as produtoras españolas, Estela Films, hoxe aínda en funcionamento e rexentada por Félix Tusell, neto do fundador. A súa participación activa foi fundamental para recuperar este clásico perdido, ao que vén de dar nova vida Filmoteca de Catalunya logo duns oito anos de traballo. O seu director, Esteve Riambau, estará acompañado da conservadora e restauradora Rosa Cardona, e de Luciano Berriatúa, corresponsable da reintrodución da cor no filme, para presentar esta fita en Boloña o día 28 de xuño.

O labor de reconstrución deste título foi arduo, pois só se conversaban algúns materiais en 35mm, polo que se tivo que partir principalmente de copias en 16mm de bastante menor calidade que as orixinais, reparalas, escanealas e introducir a cor fotograma a fotograma como lucía antano. O son tamén foi limpado sen alterar a natureza orixinal do proxecto.

Érase una vez... é unha adaptación libre do celebre conto de Charles Perrault A Cincenta. Mentres que un dos seus dous directores, Alexandre Cirici i Pellicer, era historiador da arte; o outro, José Escobar, foi un dos máis grandes historietistas de España, creador de exitosos personaxes como Zipi y Zape ou Carpanta. A súa participación no proxecto foi esencial para animar imaxinativas secuencias que por momentos recordan ao Dumbo de Disney. Os seus trazos e o humor irreverente e próximo ao slapstick tamén se deixan notar na concepción de personaxes coma o do mago ou o gato, que dalgunha maneira entroncan co seu traballo na banda deseñada. Cirici i Pellicer, pola súa banda, outorga un contexto rico en referencias artísticas tanto internacionais como netamente catalás, que bebe principalmente do renacentismo italiano. Isto achega unha ambientación única e inusual de entre as múltiples adaptacións do famoso conto.

No seu momento louvada no festival de Venecia, onde foi estreada, Érase una vez... caeu no esquecemento durante décadas, en boa parte pola inaccesibilidade a unha copia de calidade que dese conta do que foi este traballo pioneiro. Hoxe pode recuperarse nesta flamante versión restaurada.