Ir ao contido principal

O ciclo Cinema, rexistro vivo da nosa memoria arrinca este venres 15 de marzo en Galicia

Composto do documental homónimo e de oito filmes recentemente restaurados por institucións de prestixio de todo o mundo; pretende pór en valor o traballo de filmotecas e arquivos para salvagardar o patrimonio cinematográfico.

A directora Inés Toharia presenta este venres en NUMAX (Santiago de Compostela) a súa fita ás 19 horas, mentres que o sábado 16 estará en DUPLEX Cinema (Ferrol) ás 17:30. Pechará o ciclo José Luis Guerín con Tren de sombras entre os días 3 e 5 de maio, tamén na sala compostelá e na Filmoteca de Galicia (A Coruña).

A cinemateca galega acolle ademais o 9 de abril unha xornada de charlas en torno ao cinema de patrimonio, que contará cos expertos na materia Inés Toharia, Carolina Cappa e Víctor Paz.

O programa Cinema, rexistro vivo da nosa memoria inicia a súa andaina en Galicia o vindeiro venres 15 de marzo en NUMAX (Santiago de Compostela) ás 19 horas, coa presentación do documental homónimo pola súa directora Inés Toharia. A realizadora visitará tamén DUPLEX Cinema (Ferrol) ao día seguinte ás 17:30. A súa fita versa sobre o labor de conservación e restauración que levan a cabo filmotecas, arquivos e outras institucións en todo o mundo. Ademais de rexistros nestes lugares, conta con centos de entrevistas realizadas a profesionais de prestixio e material de arquivo de grande interese. O filme chega avalado por un impresionante percorrido por festivais internacionais, entre os que figuran a Seminci, o BAFICI ou Sitges.

Precisamente pola temática da obra e o seu afán divulgativo, obxectivos que se comparten dende a distribuidora LOST & FOUND, a fita preséntase acompañada en Galicia dun conxunto de oito filmes recentemente restaurados nestas institucións de prestixio. Xoias recuperadas e a descubrir por boa parte da cinefilia, como Bushman (David Schickele, 1971) ou As ruínas dun imperio (Fridrikh Ermler, 1929), comparten espazo nesta escolma con outras ben máis coñecidas como Tren de sombras (José Luis Guerín, 1997). Precisamente, o aclamado director catalán pechará o ciclo entre os días 3 e 5 de maio, visitando a Filmoteca de Galicia (A Coruña) e NUMAX, impartindo en ambas salas unha conferencia.

Xornada de conferencias o 9 de abril

Se ben na sala compostelá propoñen presentacións de expertos en cada un dos filmes, previas ás proxeccións, para contextualizar as pezas; a filmoteca galega engade ás sesións unha xornada de conferencias o 9 de abril. As intervencións correran a cargo da propia Inés Toharia, quen ademais de ser directora, conta cunha longa traxectoria en institucións como o George Eastman Museum, o arquivo das Nacións Unidas en Nova York ou a Filmoteca UNAM; a investigadora e restauradora Carolina Cappa e o xornalista especializado e programador Víctor Paz.

Toharia fará unha introdución a conceptos clave da preservación fílmica e reflexionará sobre a importancia de salvagardar este patrimonio, para lle ceder despois a palabra a Cappa, á fronte da recente restauración de pezas do director José Ernesto Díaz-Noriega dende o proxecto de investigación da Elías Querejeta Zine Eskola 'Segunda mano'. Este caso de estudo centrará a súa intervención. Pechará a xornada Paz, dando algúns consellos prácticos sobre programación de cinema de patrimonio para aqueles que desexen iniciarse nesta práctica.

Aberta a todo aquel que desexe participar, a inscrición está dispoñible dende o 13 de marzo ata o 7 de abril mediante este formulario. Pódese atopar máis información nesta ligazón. A actividade é de balde. Para calquera consulta, está habilitada a dirección de correo electrónico ramon@lostandfoundfilms.com.

Restauración da obra de Díaz-Noriega, un mestre esquecido que rodaba na Coruña

Logo das conferencias, ese mesmo día na Filmoteca de Galicia terá lugar a presentación de novas pezas restauradas de José Ernesto Díaz-Noriega, realizador barcelonés afincado durante boa parte da súa carreira na Coruña, sendo moi influínte na xeración que intentou desenvolver un cinema galego de clara intencionalidade autoral a mediados dos setenta, como o de Miguel Gato ou Miguel Castelo.

El comezara a facer xa cinema antes da Guerra Civil Española, sempre en formatos subestándar coma o 8mm ou o Super8. Presto sempre a experimentar, a súa obra caracterízase por unha constante evolución formal con trucaxes de todo tipo, mais resulta constante un sentido do humor que destila fina ironía, con marcada autoparodia.

Malia a estar considerada unha das figuras máis importantes do cinema amateur en España, a súa obra continúa a ser descoñecida. A Filmoteca de Galicia presentará varias sesións ao longo dos próximos meses co material que se vén de restaurar en colaboración coa Elías Querejeta Zine Eskola. Carolina Cappa supervisou este proceso e para o primeiro destes pases, o 9 de abril, escolleu un conxunto de curtas dos anos trinta. A obra de Díaz-Noriega poderá verse máis tarde en NUMAX. Estas sesións son exclusivas de Galicia no ciclo que organiza LOST & FOUND e pretenden dar valor ao traballo de preservación fílmica que se realiza dende a nosa terra.

Todas as datas do ciclo figuran xa ou se irán anunciando nas webs de LOST & FOUND, NUMAX, Filmoteca de Galicia e DUPLEX Cinema. Organiza LOST & FOUND, coa axuda da Deputación da Coruña e a colaboración de Filmoteca de Galicia, NUMAX e Seminci.