Ir ao contido principal

José Luis Guerín clausura na Coruña e en Compostela o ciclo Cinema, rexistro vivo da nosa memoria

O reputado director catalán presentará Tren de sombras (1997) na Filmoteca de Galicia o venres 3 de maio e en NUMAX o sábado 4 de maio. A sala compostelá acolle ademais un encontro con el ao redor da restauración desta fita fundamental da súa filmografía.

En 1997, o cineasta José Luis Guerín abraiou a público e crítica especializada con Tren de sombras, unha palpitante homenaxe ás orixes do cinematógrafo que inicia cunhas filmacións domésticas aparentemente rodadas en 1930 por un avogado nun lago de Normandía. Sobre esta premisa, Guerín dispón unha absorbente reflexión sobre o poder da imaxe e a propia materia do cinema, composta de espectros, luces e sombras. O título do filme, gañador do Premio da Crítica en Sitges e do Mélìes d'Or a mellor filme en 1997, provén da descrición do escritor ruso Máximo Gorki ao presenciar as primeiras filmacións dos Lumière:

“Non é máis que un tren de sombras. O tren detense, siluetas grises descenden dos vagóns sen facer ruído, saúdanse en silencio, rin, corren, axítanse, emociónanse sen emitir un son... antes de desaparecer” (O reino das sombras, M. Gorki)

A Filmoteca de Galicia e NUMAX acollen a presentación deste filme por parte do seu director os días 3 e 4 de maio respectivamente. A nova copia de Tren de sombras resulta dun traballo de restauración supervisado polo propio cineasta, xunto ao director de fotografía do filme Tomás Pladevall, co apoio da produtora Films 59, que dirixe Pere Portabella, e Filmoteca de Catalunya.

4 de maio, xornada para Guerín en NUMAX

A sala compostelá organiza ademais o encontro A cor das palabras, no que José Luis Guerín afondará no proceso de restauración e máis nos profundos significados que atesoura o seu filme. Esta actividade é de entrada gratuíta ata completar aforo, se ben pode reservarse butaca no correo acordaspalabras@santiagodecompostela.gal. O encontro será ás 12:00.

Xa pola tarde, proxectarase ademais unha sesión de curtas dirixidas polo propio director catalán e reunidas baixo o título conxunto de Tres duelos: Recuerdo de una mañana (2011), Carta a Jonas Mekas (2011) e For Heddy (2020). Tren de sombras terá un pase previo en Numax o 30 de abril, pero sen presenza do realizador.

Con estes pases péchase en Galicia o ciclo 'Cinema, rexistro vivo da nosa memoria', no que recuperamos filmes recén restaurados procedentes de distintos arquivos do planeta, en relación coa fita de Inés Toharia do mesmo nome. Tren de sombras serve ademais en NUMAX de ponte para arrancar un novo Foco, desta volta dedicado ao cineasta catalán Pere Portabella na súa dobre condición de director e produtor. Tren de sombras foi producida en 1997 por Films 59, a compañía dirixida por Portabella.

Estas actividades puideron realizarse grazas á colaboración entre NUMAX, a Filmoteca de Galicia, a Semana Internacional de Cine de Valladolid - SEMINCI e a distribuidora LOST & FOUND. O Concello de Santiago financia o encontro en NUMAX.

José Luis Guerín

Na súa traxectoria cinematográfica como director e guionista dos seus filmes, José Luis Guerin (Barcelona, 1960) combinou ficción e documental, diluíndo as fronteiras habituais entre ambos xéneros. Cos seus filmes Guerín participou de festivais como Venecia (Sección Oficial), Cannes (Un Certain Regard, Quincena de Realizadores), Berlinale (Forum), San Sebastián (Competición Oficial), Locarno ou Rotterdam. Entre as súas obras máis celebradas atópanse Innisfree (1990), Tren de sombras (1997), En construcción (2001), En la ciudad de Sylvia (2007), Guest (2010) ou La academia de las musas (2015).