Ir ao contido principal

'Non choredes, preciosas!': unha introdución ó pop húngaro dos sesenta

O músico e investigador Alfonso Espiño indaga na escena pop de Budapest a finais dos sesenta, ofrecendo unha lectura en profundidade das bandas que aparecen no filme de Márta Mészáros.

A música e o cine irmandaron dende o mesmo momento en que naceu a sétima das artes, producindo intres gloriosos e indelebles na memoria colectiva do público. Concretamente, e describindo unha elipse digna de Stanley Kubrick, hai que dicir que o cinema pop chegou ás pantallas nun momento no que a decadencia do rock and roll precisaba dunha urxente renovación que correu a cargo das bandas que protagonizaron a chamada Invasión Británica. Capitaneado por The Beatles primeiro e polos Rolling Stones despois, este fenómeno musical logrou estenderse ó longo e ancho do mundo, permitindo que florecesen escenas musicais de corte beat e pop en lugares tan dispares coma Nova Zelandia, Vietnam, Perú, Checoslovaquia, Islandia, Xapón ou Sudáfrica.

Asociada a estas escenas musicais estaba unha nova actitude asociada á mocidade que logrou transcender a outros ámbitos coma a moda ou o cine. Así, se os Beatles protagonizaban unha película coma A Hard Day’s Night, que representaba os valores do novo cine británico e a estética da nouvelle vague francesa, en España Los Bravos aparecían en filmes coma Los chicos con las chicas ou ¡Dame un poco de amooor!, mentres que en Islandia, o conxunto Thor’s Hammer protagonizou a cinta Umbarumbamba, ou en Alemania, The Rattles fixeron o propio en Hurra! Die Rattles Kommen!

O verdadeiramente sorprendente é comprobar, con entusiasmo, que seguen aparecendo exemplos de esta tipoloxía de película, máis aínda cando proceden de países tan improbables coma a Hungría da época da Cortina de Ferro. Outra grata sorpresa foi descubrir que a dirección corre a cargo dunha unha muller, e que grazas a este ciclo poidemos coñecer un pouco máis a obra da pioneira realizadora Márta Mészáros.

Imos por partes. Comentabamos hai uns intres que apenas quedaron recunchos impermeables á penetración da música beat no mundo despois de 1964. Anque a priori poderiamos pensar que os países do bloco soviético serían unha excepción, isto non sucedeu así. En concreto, Polonia, Hungría e Iugoslavia tiñan a industria musical popular máis desarrollada do seu entorno. Os seus artistas gozaban da maior liberdade artística, estaban expostos a influencias foráneas e incluso eran coñecidos alén das súas fronteiras. Caso especial é o polaco, que incluso recibiu visitas de estrelas británicas na década dos sesenta. Actuaron en Varsovia as artistas Helen Shapiro (1963 e 1964), a escocesa Lulu, que foi acompañada por The Hollies (1966), os Animals (1966) e incluso os Rolling Stones (1967). Ademais, queda constancia do vigoroso beat polaco nas coleccións vinílicas Wrenching the Wires, que recuperaron non hai moitos anos a música de algúns dos conxuntos dese lugar e época.

Diciamos que Hungría era un dos países onde se vivía un relativo aperturismo cara Occidente, de maneira especial tras a revolución de 1956 e durante os anos sesenta, e sobre todo no referente a política estranxeira, debido a reformas económicas e culturais que os irán desmarcando da Unión Soviética. As artes podían ser politicamente ‘útiles’ ou ‘inútiles’ (ou ‘hostís’) pero non se contemplaba a existencia de ‘altas’ ou ‘baixas’ esferas das artes. A finais dos sesenta intentouse establecer unha cultura socialista de masas, co cal se recoñecía o dereito do suxeito socialista ó entretemento, deste modo lexitimándose a existencia da música popular na cultura socialista. Ó mesmo tempo, certos segmentos da cultura popular (incluso de orixe occidental) foron acollidos e utilizados polo Partido Socialista Obreiro (por exemplo a opereta nos cincuenta e máis tarde o jazz), intentándose crear novos xéneros populares de ideoloxía que aportase valor. De todos xeitos, en 1968, no cumio da febre polo beat en Hungría, un documento secreto de circulación interna do Partido declaraba que esta música “representaba ‘esnobismo neurótico’ e ‘consecuencias non desexadas’ tales coma as conductas promiscuas.”

Así, moi polo miúdo, podemos dicir que entre os moitos conxuntos e solistas existentes no país, só un limitado número deles encaixaban cos parámetros do sistema, gozando do privilexio de levar carreiras artísticas lonxevas, formar parte dun star system nacional, gravar discos e incluso xirar no estranxeiro. Unha destas bandas era Illés, que protagonizou a primeira película beat húngara, o filme de Tamás Banovich Ezek a fiatalok (These Youngsters) en 1967. O filme de Márta Mészáros, Non choredes, preciosas! data do ano 1970, que significa outro momento de cambio no contexto húngaro. Nel aparecen as seguintes bandas e solistas reais, (de aquí o compoñente documental da película):

  • Metro (a primeira banda beat húngara e unha das máis importantes historicamente falando).
  • Zalatnay Saroltya (Sarolta Zalatnay, moza cantante, en solitario ou coas bandas Metro e Omega, xirou por UK onde tivo un breve romance con Barry Gibb).
  • Kex (basea a súa música progresiva na improvisación, con grande presencia do órgano e poemas musicados).
  • Sziriusz (Syrius, primeira banda de rock progresivo húngara).
  • László Tolcsvay (de formación clásica, introduce elementos do folklore húngaro por vez primeira no pop/rock).

Nas décadas dos setenta e oitenta do socialismo de estado vaise producir unha música de maior interese (o novo cambio ó que aludimos no parágrafo anterior), debido á explosión do rock, que anque baixo o influxo aínda da música occidental, xerará traballos de gran orixinalidade ó empezar a incorporar elementos da música folk e clásica local, xunto coa poesía de autores autóctones. Esta idea levouse a cabo tamén noutras latitudes, sen ir máis lonxe en Galiza, xa que o colectivo musical Voces Ceibes comezou a facer adaptacións musicais de textos de poetas da terra en 1967; curiosamente, unha das presentacións máis sonadas de Voces Ceibes fíxose na veciña sala Capitol, a moi poucos metros do cine NUMAX onde se proxectou o filme de Mészáros en outubro de 2022. Así que Hungría non nos queda tan lonxe agora mesmo.Un detalle moi chamativo desta película é a grande proliferación de marcas de instrumentos musicais e amplificación occidental tal coma Fender, Marshall, Rogers, Vox, Selmer ou Gibson que aparecen en pantalla, en contraposición coas máis previsíbeis marcas alemás coma Höfner ou Framus. Se até os oitenta non houbo un aperturismo de consumo que permitise importar este material a Hungría dende o estranxeiro, so podemos explicar a súa presenza pola actividade contrabandista dos propios músicos ós que se permitía saír e entrar con certa regularidade do país.

Canto as imaxes en si, e dende a perspectiva de alguén que non é un experto en cinema, é notorio o uso da auga, que funciona coma elemento poético disruptor en varios momentos do filme, dende o principio até o final; ou os planos das bicicletas en grupo que remiten inmediatamente ó cine pop de Richard Lester, coa súa débeda francesa. Ou toda a linguaxe de silencios por parte da protagonista, que nos transmite a denuncia da directora inmersa nun mundo en cambio, máis primitivo, anque cheo de inocencia e esperanza.

 

por Alfonso Espiño Louro

Músico e investigador musical

Grupo de Investigación Organistrum

 

_ _ _

Bibliografía:

Bren, Paulina; Neuburguer, Mary (eds.). Communism Unwrapped: Consumption in Cold War Eastern Europe. Oxford: University Press, 2012.

Espiño Louro, Alfonso. Compopstela: música moderna en Santiago (1954-1978). Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago/USC, 2020.

Fernández Conde, Sheila. Agora entramos nós: Voces Ceibes e a canción protesta galega. Santiago de Compostela: Consorcio de Santiago/USC, 2018.

García, Iñaki. Antología de la British Invasion. Madrid: Sílex, 2022.

Ignácz, Ádám. “Propagated, Permitted or Prohibited? State Strategies to Control Musical Entertainment in the First Two Decades of Socialist Hungary”, en: Popular Music in Eastern Europe: Breaking the Cold War Paradigm, pp. 31-50.

Mazierska, Ewa (ed.). Popular Music in Eastern Europe: Breaking the Cold War Paradigm. Londres: Macmillan Publishers Ltd., 2016.

Stewart, Gary, et al. Nuggets II: Original Artyfacts From The British Empire And Beyond (1964-1969). Los Angeles: Rhino Entertainment Company, 2001.