Ir ao contido principal

'Disturbios', un dos filmes máis recoñecidos pola crítica en 2022, estrearase comercialmente en España o 24 de febreiro

Premiada nos festivais de Berlín e Viena, entre outros, a segunda longa de Cyril Schäublin narra a transformación dunha vila reloxeira suíza a través da súa puxante industria e da auxe do movemento anarquista.

DISTURBIOS (Unrueh), do director suízo Cyril Schäublin, unha das fitas máis recoñecidas pola crítica internacional en 2022, terá estrea comercial en España da man de LOST & FOUND. Premiada na Berlinale (mellor director na sección Encounters), en Viena (premio da crítica FIPRESCI) e exhibida nuns 30 festivais internacionais en 2022, entre eles Donostia, chegará o 24 de febreiro ás salas españolas.

Nos seus 93 minutos, DISTURBIOS narra a transformación que unha pequena vila suíza sofre a finais do século XIX debido á chegada dos procesos industriais modernos da fabricación de reloxos. Faino a través dos ollos de Josephine, unha moza traballadora da cadea de montaxe, encargada de producir unha única peza, a roda de disturbios, que garante o equilibrio do reloxo. Exposta ás novas formas de organizar o diñeiro, o tempo e o traballo, Josephine entra en contacto co movemento anarquista local e coñece a un viaxeiro ruso, Pyotr Kropotkin, por quen se sinte atraída.

O personaxe de Josephine está baseado na avoa do director e, segundo explica o propio Cyril Schäublin, nos feitos históricos que levaron ao val de Saint-Imier, no norte de Suíza, a converterse no centro do crecente movemento anarquista da segunda metade do século XIX: “Ao reconstruír algunhas situacións do pasado, quero convidar a reconsiderar o presente que habitamos. Son as definicións de tempo e traballo, tal e como as ten establecido o capitalismo industrial, unha mera ficción? Hai unha mitoloxía capitalista guiando discretamente a nosa vida diaria? Cales son os seus contos de fadas, e que outros relatos podemos contarnos?”