Ir ao contido principal

Márta Mészáros

Coetánea doutras cineastas como Věra Chytilová ou Agnès Varda, quen adoraba o seu cinema e coa que mantiña unha relación de amizade, Márta Mészáros conta cunha sólida filmografía dende os anos cincuenta ata o 2017, cando dirixiu Aurora Borealis, o seu último filme. Foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 con Adopción. As súas historias, narradas cun persoal virtuosismo estético, tratan a miúdo das problemáticas diarias das mulleres e, mesmo nas súas ficcións, contan cun forte compoñente documental. Sempre tivo clara a súa meta: “deixar constancia de forma honesta da era que me tocou vivir”. E en todo momento dende unha perspectiva crítica coas estruturas machistas e autoritarias do poder.