Ir ao contido principal

José Luis Guerín

José Luis Guerín é un dos grandes cineastas españois das últimas décadas, coñecido pola pureza das súas imaxes e a súa capacidade reflexiva, así como os seus vínculos con outros realizadores como Víctor Erice, Jonas Mekas —con quen realizou unha serie de cartas filmadas baixo o título de Correspondencias— ou Robert Bresson. Comezou realizando curtametraxes desde a súa adolescencia, con títulos como Memorias de un paisaje (1975), Naturaleza muerta (1981), Elogio de las musas (1977) ou La dramática pubertad de Alicia (1978).

En 1985 a súa primeira longametraxe Los motivos de Berta foi presentada no Festival de Berlin dentro da súa sección Forum. En 1999 foi recoñecido co Premio Nacional de Cinema de Cataluña. En construción (2001) obtivo o premio FIPRESCI da Crítica Internacional e o Premio Especial do Xurado no Festival de San Sebastián, así como o Premio Goya á Mellor Película Documental. Ese mesmo ano concederíaselle o Premio Nacional de Cinematografía.

A súa última longametraxe ata a data é La academia de las musas (2015).