Anja Breien
Anja Breien (Oslo, 1940-2026) é unha das directoras máis destacadas do cine noruegués e unha figura clave na nova ola do cinema do seu país, xunto con Vibeke Løkkeberg e Laila Mikkelsen. A súa obra, frecuentemente comparada coa de Chantal Akerman, caracterízase por un estilo persoal que transcende o canon modernista.
Filla do escritor Hans Breien, desde moza interesouse pola arte e a literatura. Tras estudar francés e formarse na prestixiosa escola de cine IDHEC en París, iniciou a súa carreira traballando como guionista e asistente de dirección. O seu debut como directora chegou coa curtametraxe Vokse opp, seguida de Ansikter (1971), que significou o inicio dunha filmografía cun marcado carácter autoral.
Coas súas primeiras longametraxes obtivo recoñecemento nacional e internacional. Violación (1971), con guión en colaboración con Per Blom, foi seleccionada na Quincena de Cineastas de Cannes. As esposas (1975), baseada no proxecto teatral feminista Jenteloven, converteuse nunha das cintas máis exitosas, comentadas e analizadas da historia do cine noruegués e tivo dúas secuelas (1985 e 1996).
A súa adaptación da novela do escritor sueco Hjalmar Söderberg, O xogo serio (1977), valeuulle á súa protagonista Lil Terselius o premio Guldbagge do cine sueco á mellor actriz en 1979. Con A herdanza (1979), seleccionada en Cannes, e Caza de bruxas (1981), premiada en Venecia, alcanzou o seu maior recoñecemento. Nos anos 80 e 90 realizou outros proxectos de ficción, como O paxaro de papel (1984) e Smykketyven (1990), ademais de escribir guións para outros directores.
Na última etapa da súa carreira realizou curtametraxes e documentais, destacando Solvorn (1997) e Å se en båt med seil (2000), ambos os dous presentados no Festival de Berlín, onde este último foi premiado.