Programa dobre comisariado polo cineasta Carlos Martínez-Peñalver Mas, poñendo en relación o seu filme Á procura da estrela coa longametraxe O movimento das coisas (Manuela Serra, 1985).
Sobre o movimento das coisas
Por Carlos Martínez-Peñalver Mas
A vontade de reter aquilo que vai desaparecer, o inmediato esvaecemento do tempo, é un dos xestos propio do cinema. Manuela Serra acollese a esta cualidade para retratar a mudanza que experimentaba o mundo rural da década dos oitenta no norte de Portugal en O movimento das coisas.
O traballo da directora co campesiñado de Lanheses, tanto na interpretación das personaxes coma no desenvolvemento do guión do filme, foi un dos aspectos cos que quedei cativado, xa que consegue un equilibrio no que a ficción axeonllase ante a realidade dando lugar a unha cinta cun forte compromiso político que transcende todo xénero. O filme posicionase a mesma altura que o suxeito para miralo e facer emerxer a subxectividade do campesiñado a través do dispositivo cinematográfico. Isto o consegue gracias a desdeñar a gramática fílmica hexemónica e incorporar o “erro” de interpretación e o azar como un sinal irrevogable da realidade. O colofón das decisións de dirección vén dado polo tratamento da paisaxe coma unha personaxe mais que modula a emoción do filme, unha entidade que nos lembra que aquilo que pensamos eterno, quizais algún día xa non estea.
Se hai unha protagonista en O movimento das coisas talvez é Isabel, unha muller que vemos coller o autobús para ir traballar na fábrica. Cando ela marcha, quedamos no pobo para asistir o transcorrer das accións que marcan o seu ritmo cotián: O ordeno, a elaboración do pan, o pastoreo, o mercado, as comidas na casa, a crianza, a complicidade, os rituais da sementeira e os da morte. Ao volver, Isabel transita entre estes xestos como quen recoñece o que ve como propio, e talvez, en un posible xogo de alter-ego por parte da directora, tratando de ter aquilo que define como “fogar” antes de que se esvaeza debido as derivas impostas por un mundo en el que se está adentrando: o do progreso. Un progreso que axexa tras a neboa disoluta cos gases da fábrica ó outro lado do rio Lima.