Ir ao contido principal

O mozo Billy Wilder chega aos cinemas con 'Xente en domingo'

O suízo Cyril Schäublin comisariou un programa dobre en diálogo co seu filme Disturbios (estrea 24 de febreiro) e que recupera as orixes do creador de O apartamento.

O público español poderá gozar, a partir do 24 de febreiro, do cinema do mozo Billy Wilder coa fita Xente en domingo, nun programa dobre cunha das películas máis recoñecidas pola crítica en 2022, Disturbios, do director suízo Cyril Schäublin. Trátase da iniciativa TANDEM, creada pola distribuidora LOST&FOUND para poñer en relación filmes contemporáneos con outros restaurados. Por iso convida os cineastas con cada unha das súas estreas a programar un filme que os influíse no seu proceso creativo. E comeza agora con este dúo entre Schäublin e Wilder.

Foi o propio Schäublin quen elixiu Xente en domingo (Menschen am Sonntag), obra de 1930 que retrata o Berlín da época nunha mestura entre documental e ficción con actores non profesionais, adiantándose a propostas artísticas hoxe comúns. Para Disturbios Schäublin contou tamén con intérpretes sacados da rúa, buscando unha reprodución fidedigna da época que retrata, un val reloxeiro da Suíza de finais do século XIX. Este é un dos aspectos que ambas longametraxes comparten.

Xente en domingo foi o segundo guión de Billy Wilder, quen máis tarde obtería fama mundial en Hollywood rompendo as barreiras de todos os xéneros cinematográficos e chegando a gañar seis premios Oscar. Reuniuno cos cineastas Edgar G. Ulmer (Detour) e Robert Siodmak (Foraxidos), que se estreaban na dirección. Na fotografía estaba un mozo Fred Zinnemann (De aquí á eternidade, Só ante o perigo, catro Oscars).

Trátase dunha conxunción de xenios que ían fuxir a Estados Unidos coa chegada do nazismo a Alemaña, converténdose nalgúns dos realizadores máis representativos e reputados do cinema clásico. A produción de Xente en domingo foi un esforzo verdadeiramente independente e de linguaxe atípica que sacudiu o panorama cinematográfico teutón do cinema silente. Vista en retrospectiva, reivindícase como unha das grandes sinfonías urbanas da historia do cinema.

A fita poderá verse en cinemas seleccionados en pases especiais xunto a Disturbios dende o 24 de febreiro. Cyril Schäublin virá a España presentar ambos filmes nunha xira de preestreas entre os días 1 e 7 de febreiro, que o levará a Madrid (Círculo de Bellas Artes), A Coruña (Filmoteca de Galicia), Sevilla (Avenida 5 Cines) e Barcelona (Zumzeig). A súa visita a Madrid foi posible grazas ao apoio do Goethe-Institut.

 

_ _ _

Por que Xente en domingo

Por Cyril Schäublin

 

MENSCHEN AM SONNTAG apareceu o mesmo ano no que Siegfried Kracauer publicou o seu libro DIE ANGESTELLTEN ("As masas asalariadas"), un estudo da "vida cotiá" dos traballadores da cidade de Berlín en 1930, e a película e o libro comparten algunhas misteriosas similitudes. Quizais a cuestión do punto de vista, de como e dende onde mirar á xente cun filme ou cun libro. A idea cinematográfica de Siodmak, Ulmer e Wilder para MENSCHEN AM SONNTAG non atopou financiamento e só se realizou porque un tío rico de Siodmak compartiu algunhas das súas posesións, 5000 marcos, cos que se fixo a fita.

Aínda que podería pensarse que existía certa "liberdade" no cinema dos anos vinte en Berlín, a produción e recepción de MENSCHEN AM SONNTAG demostra que a industria cinematográfica xa tendía cara enfoques estandarizados e centralizados nas súas formas de produción e o seu discurso. MENSCHEN AM SONNTAG, usando unicamente actores denominados como "non profesionais", e ao traballar con estruturas que superan as solucións suxeridas polo orzamento e o capital, conseguiu saírse deses estándares e significados herdados.

Quizais todo se remonte á noción do que pode mostrarse de forma manifesta nunha película: como retratar a vida das persoas. MENSCHEN AM SONNTAG convoca linguaxes, rostros, mans, que -para min- parecen ter lugar fóra da liturxia do cinema, e das súas definicións e miradas centralizadas nel. Iso é o que fai que esta fita sexa tan fermosa para min e polo que me encanta. Métese nun territorio alén de todo iso, máis alá da afirmación da realidade, que sempre é sospeitosa. Como escribiu Siegfried Kracauer en DIE ANGESTELLTEN en 1930: "A realidade é unha construción. A vida só pode ser observada para que chegue a ser. Só dende os seus extremos pode ser iluminada".